Socios e equipos

Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo (UVIGO) é unha institución académica pública recente, fundada oficialmente en 1989, que logrou consolidarse no tempo como referencia da modernidade e a innovación en Galicia. Ten tres obxectivos principais: brindar servizos de educación superior con altas taxas de calidade e orientados a promover postos de traballo entre os seus estudantes, dando prioridade á internacionalización; promover unha investigación básica e aplicada a través de grupos de investigación competitivos a nivel internacional; e transferir os seus coñecementos e avances científicos á sociedade para fomentar un crecemento intelixente, sustentable e integrador de todo o territorio próximo.
A UVIGO organízase en tres campus, situados en tres cidades diferentes: Vigo, Pontevedra e Ourense, todas elas no sur de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. A nosa institución lidera un Campus de Excelencia Internacional (outorgado polo Ministerio de Educación en 2010) e un Campus do Mar, que reúne os esforzos de ensino e investigación de sete universidades públicas en Galicia e o norte de Portugal, así como os de dous organismos de investigación nacionais. Nos seus tres campus (en Ourense, Pontevedra e Vigo), a nosa institución ofrece programas de grao nos ámbitos de enxeñería, ciencia, humanidades, tecnoloxía e estudos xurídico-sociais, que se distribúen entre case unha trintena de centros nos que os grupos de investigación realizan diversas actividades. Unha rede de centros de investigación propios completa o mapa de infraestruturas de investigación.

Universidade de Amberes

A Universidade de Amberes é unha universidade de investigación con orientación internacional. Posúe un corpo estudantil de 20 000 persoas, das cales un 16% son estudantes internacionais. Caracterízase polos seus altos estándares en educación, investigación internacional competitiva e enfoque empresarial. Ofrece 33 títulos de grao, 86 de máster, 32 de máster avanzado e 27 de posgrao, todos eles compatibles con Bolonia, organizados en 9 facultades, 48 centros e 20 institutos. Ademais, 24 destes programas impártense integramente en inglés. Os programas de doutoramento están dispoñibles en todas as facultades e os créditos ECTS están completamente implementados en todos os programas de estudo. A UAmberes conta con 9 Centros de Investigación Excelencia e con varios grupos de investigación de renome internacional. En canto á súa política educativa, a UAmberes céntrase en 4 ámbitos: o nexo entre educación/investigación, formación baseada en competencias, activación do estudante e internacionalización
Amberes ten unha ampla experiencia na xestión de proxectos de cooperación internacional, tanto en investigación como en educación. Esta Universidade participou con éxito en todos os programas educativos europeos, tanto como coordinadora como socia: Sócrates/Aprendizaxe Permanente (mobilidade, programas intensivos, desenvolvemento curricular, Grundtvig, Lingua, Comenius), Leonardo, Tempus (países MED/ TACIS/ CARDS), Asia-link, ALFA e ALBAN, EDULINK, Erasmus Mundus acción 1, Erasmus Mundus acción 2, Jean Monnet (diferentes presidencias), Tuning, EU/ US Atlantis.

Universidade de Varsovia

A Universidade de Varsovia, fundada en 1816, é unha institución de educación superior pública orientada á investigación e a mellor e máis grande universidade de Polonia. Dende os seus comezos, esta universidade desempeñou un papel fundamental na vida intelectual, política e cultural de Polonia, e é mundialmente recoñecida como un destacado centro académico en Europa Central.
O sistema de garantía e mellora da calidade da educación na Universidade de Varsovia constrúese coa observancia da autonomía e o carácter específico das unidades da mesma, coa convicción de que a alta calidade se ve fortalecida mediante a autoavaliación, o diálogo, a cooperación, o apoio e a divulgación das mellores solucións e as máis efectivas. A investigación sobre as condicións de educación e a recomendación das accións que inflúen na mellora do control de calidade lévanse a cabo, a miúdo, por parte do equipo da Universidade, os equipos de facultade e os equipos da Unidade para a Garantía da Calidade na Educación.

Universidade de Viena

A Universidade de Viena é unha universidade pública situada en Viena, Austria. Fundouse na o ano 1365 e é a universidade de fala alemá máis antiga do mundo. Cunha longa e rica historia, a Universidade de Viena converteuse nunha das maiores universidades de Europa, así como unha das máis famosas, especialmente no ámbito das humanidades. Asóciase con 15 gañadores do Premio Nobel e foi o fogar académico dun gran número de persoeiros, tanto de importancia histórica como académica.
O Centro de Estudos de Tradución ( Zentrum für Translationswissenschaft) da Universidade de Viena é unha dependencia institucional a nivel de facultade cun total de 140 membros de persoal docente e máis de 4 000 estudantes. Céntrase no ensino e a investigación na área de estudos de tradución, que inclúe campos de actividade como a tradución, a interpretación, a terminoloxía e a comunicación intercultural. Os programas de estudo ofrecidos no Centro inclúen un Grao en Comunicación Transcultural, un Máster en Tradución e un programa de Doutoramento en Comunicación Transcultural. A formación profesional no programa de máster ofrécese en 14 idiomas diferentes e abarca ámbitos como a interpretación de conferencias, a interpretación comunitaria, a tradución literaria, a tradución nos medios de comunicación, a xestión terminolóxica, as tecnoloxías da tradución, a localización, a xestión de contido multilingüe e a comunicación técnica.

De Vlaamse Radio en Televisieomroeporganisatie NV – VRT

Vlaamse Radio-en Televisieomroeporganisatie (Organización de Radiodifusión en Flandes) ou VRT é a emisora pública nacional na rexión flamenca e Bélxica. Actualmente, ten catro canles: Eén (canle principal, antes coñecida como VRT TV1), Canvas (canle de calidade), Ketnet (canle para nenos) e Sporza (canle de deportes).
VRT ocupa unha posición clave na sociedade belga, centrándose na información, a cultura e a educación, ampla e detalladamente. VRT inviste en xornalismo independente e de alta calidade para proporcionar información e interpretacións imparciais, independentes e fiables. Tamén fomenta a participación cultural, ten interese na diversidade cultural da sociedade flamenca e ofrece unha xanela ao mundo. VRT fai que a cultura sexa accesible a unha ampla audiencia, de maneira que amplía, profunda e estimula o interese dos usuarios dos medios pola cultura e anímaos a participar nos abundantes programas culturais da sociedade flamenca. VRT apoia, en particular, a educación de nenos e mozos e, a miúdo, participa nunha cooperación máis ampla con institucións educativas, co fin de compartir contido real.

INTRO PR Monika Szczygielska

Dostępni.eu (nome da empresa: INTRO PR Monika Szczygielska) é unha provedora de servizos de accesibilidade con experiencia en subtitulación (en directo), audiodescrición, interpretación en lingua de signos, accesibilidade web e formación en accesibilidade. Conta cunha experiencia única na prestación de servizos de accesibilidade para eventos en directo. Dostepni.eu é pioneira no campo do refalado en Polonia. Dende 2013, estivo traballando na implementación e desenvolvemento do subtitulado en directo neste país. Ten unha ampla experiencia en subtitulación en directo para retransmisión de conferencias en liña, incluídas as celebradas nas instalacións do Parlamento polaco, e outros eventos tamén en directo. Ten experiencia tanto no refalado intralingüístico coma no interlingüístico e participou en diversos proxectos internacionais. Coopera coa canle de televisión Polsat (unha das dúas principais emisoras privadas de Polonia) na primeira prestación de subtítulos en directo para espectáculos de divertimento. Tamén é a primeira e única provedora de subtitulado en directo por medio do refalado na televisión polaca.
Dostepni.eu contribúe a ILSA coa súa experiencia en subtitulación en directo para, entre outras cousas, conferencias con representantes da Comisión Europea, membros do goberno polaco, eurodeputados e eventos internacionais, como a Misa de canonización do Papa Xoán Paulo II ou un festival de música internacional. Durante os devanditos eventos, proporcionou subtítulos interlingüísticos en directo (inglés-polaco e polaco-inglés). Dostepni.eu tamén participa en proxectos de formación (incluídos os organizados en colaboración coa Universidade de Varsovia) e leva a cabo sesións de formación en accesibilidade. O equipo tamén estuda a calidade dos subtítulos en directo e investiga formas de optimizar solucións multimedia accesibles.

Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia é o órgano lexislativo rexional encargado de promulgar leis dirixidas a atender as necesidades dos cidadáns. É un organismo elixido democraticamente que representa o interese dos cidadáns galegos (case 3 millóns de habitantes) non só a nivel rexional, senón tamén a nivel europeo a través da rede de Parlamentos Rexionais Europeos. En particular, o Parlamento ten responsabilidades lexislativas e orzamentarias, está a cargo da elección do Goberno rexional e do presidente, e do control e apoio político para o executivo. Ademais, o Parlamento, en virtude da Constitución española, ten iniciativa lexislativa ante o Congreso dos Deputados, designa a tres senadores para o Senado e ten dereito ante o Tribunal Constitucional.
Un dos obxectivos principais do Parlamento de Galicia é transmitir, da forma máis eficaz posible e a todos os cidadáns galegos, o traballo que esta institución realiza para atender as súas necesidades e comprometelos coa vida democrática. Para iso, o Parlamento de Galicia retransmite en directo todas as sesións plenarias e as sesións das comisións, que tamén se poden descargar, en calquera momento, dende a páxina web do Parlamento de Galicia. O Parlamento está especialmente involucrado en facer que o seu traballo sexa accesible para todos os cidadáns, galegos e non galegos, especialmente aqueles con algún tipo de discapacidade, como as persoas xordas. É por iso polo que o Parlamento galego emite todas as súas sesións plenarias en lingua de signos.

                               

                                                              

Universidade de Vigo Facultade de Filoloxía e Tradución | Despacho Newton 5 | Campus de Vigo As Lagoas | Ctra. de Marcosende | 36310 Vigo (España)
Back to top
Skip to content