Universidade de Viena



A Universidade de Viena é unha universidade pública situada en Viena, Austria. Fundouse na o ano 1365 e é a universidade de fala alemá máis antiga do mundo. Cunha longa e rica historia, a Universidade de Viena converteuse nunha das maiores universidades de Europa, así como unha das máis famosas, especialmente no ámbito das humanidades. Asóciase con 15 gañadores do Premio Nobel e foi o fogar académico dun gran número de persoeiros, tanto de importancia histórica como académica.


O Centro de Estudos de Tradución (Zentrum für Translationswissenschaft) da Universidade de Viena é unha dependencia institucional a nivel de facultade cun total de 140 membros de persoal docente e máis de 4 000 estudantes.

Céntrase no ensino e a investigación na área de estudos de tradución, que inclúe campos de actividade como a tradución, a interpretación, a terminoloxía e a comunicación intercultural. Os programas de estudo ofrecidos no Centro inclúen un Grao en Comunicación Transcultural, un Máster en Tradución e un programa de Doutoramento en Comunicación Transcultural. A formación profesional no programa de máster ofrécese en 14 idiomas diferentes e abarca ámbitos como a interpretación de conferencias, a interpretación comunitaria, a tradución literaria, a tradución nos medios de comunicación, a xestión terminolóxica, as tecnoloxías da tradución, a localización, a xestión de contido multilingüe e a comunicación técnica.

Centro de Estudos de Tradución

O Centro de Estudos de Tradución ten unha ampla experiencia en proxectos nacionais e financiados pola UE, cun importante enfoque na colaboración coa industria lingüística e proxectos deseñados para mellorar a accesibilidade. O Centro é membro de varias redes internacionais de cooperación e intercambio que promoven o recoñecemento profesional e as boas prácticas. Estas inclúen, en particular, a Rede EMT (Máster Europeo en Tradución) e CIUTI (Conferencia Internacional permanente de Institutos Universitarios de Tradutores e Intérpretes). Os programas educativos ofrecidos no Centro de Estudos de Tradución reflicten un compromiso especial coa formación de intérpretes, que se remonta á fundación do Instituto para a Formación de Intérpretes na Universidade de Viena a principios da década de 1940.
Ademais das recentes iniciativas didácticas no campo da interpretación nos tribunais e a interpretación comunitaria, a experiencia docente e de investigación no Centro centrouse, tradicionalmente, na interpretación simultánea, unha habilidade complexa de procesamento interlingüístico que, se asume, está moi relacionada coa tarefa da subtitulación interlingüística en directo mediante o recoñecemento de voz (é dicir, o refalado interlingüístico). Algúns membros do persoal docente do Centro, como Hildegund Bühler e Ingrid Kurz, obtiveron recoñecemento internacional por levar a cabo investigacións pioneiras sobre a interpretación simultánea. Ingrid Kurz, en particular, participou nos primeiros experimentos con intérpretes para a produción de subtítulos en directo nos anos 90. Os investigadores sobre interpretación no Centro baséanse neste rico legado e contan cunha gran experiencia en formación e avaliación, representada por unhas dúas ducias de profesores de interpretación, a maioría deles profesionais en activo.

Neste proxecto, aproveitarase a experiencia nas áreas de formación en interpretación simultánea, así como en tradución audiovisual e tecnoloxías da tradución, para desenvolver un perfil de tarefas e competencias para a subtitulación interlingüística en directo mediante recoñecemento de voz. Este traballo estará dirixido polo profesor Franz Pöchhacker, erudito da interpretación mundialmente coñecido, en colaboración con membros do persoal docente do Centro, entre eles Birgit Grübl, magister, e a Dra. Florence Hetzel.



                               

                                                              

Universidade de Vigo Facultade de Filoloxía e Tradución | Despacho Newton 5 | Campus de Vigo As Lagoas | Ctra. de Marcosende | 36310 Vigo (España)
Back to top
Skip to content