A seguir atopará información sobre o impacto potencial dos produtos intelectuais xa rematados nas entidades socias e noutros axentes interesados. Así mesmo, tamén poderá consultar os informes cos resultados de cada produto intelectual facendo clic nas imaxes da esquerda.

IO1: Avaliación da formación e práctica actuais da subtitulación intralingüística e interlingüística en directo



Impacto nas entidades socias:
Unha vez rematado este IO, as entidades socias de ILSA dispoñen dos datos máis exhaustivos e actualizados sobre o estado actual da formación e da práctica do subtitulado intralingüístico e interlingüístico en directo en todo o mundo. UVigo, UAmberes, UViena e UVarsovia poderán incluír esta valiosa información como parte dos seus cursos de refalado, o que redundará en beneficio dos estudantes e futuros refaladores, que terán unha panorámica máis precisa e actualizada sobre o mercado profesional. Os socios non académicos do proxecto (Intro PR e VRT) dispoñen agora de información relevante que poden empregar para actualizar e mellorar os procesos de contratación, así como a formación e as condicións de traballo dos subtituladores en directo.

Impacto noutros axentes interesados:
Outras universidades de todo o mundo (University of Roehampton, University of Stockholm, Universitat Autònoma de Barcelona, etc.) pediron que se lles facilitasen todos os resultados deste IO, posto que contribúe en boa medida a ter un coñecemento máis exhaustivo e actualizado sobre o estado actual da formación e da práctica do subtitulado en directo. O mesmo ocorre con organismos gobernamentais como Ofcom (Reino Unido), a CNMV (España) ou CRTC (Canadá), provedores de servizo (Mira lo que te Digo, AiMedia, etc.) e asociacións de usuarios (Action on Hearing Loss), que se beneficiarán de ter unha perspectiva máis clara sobre o subtitulado en directo.

IO2: Desenvolvemento de software de recoñecemento de voz e análise de competencias para ILS



Impacto nas entidades socias:
Grazas a este IO, a nivel autonómico, preto de 3 millóns de persoas en Galicia poden beneficiarse de que por primeira vez sexa posible facer accesibles programas e eventos en directo a través de subtítulos en directo. Ademais, os resultados do experimento realizado como parte deste IO permitíronlles ás entidades socias obter os primeiros datos empíricos sobre o perfil (subtitulador, intérprete, tradutor, etc.) mellor formado para producir subtítulos interlingüísticos en directo. Isto último resulta de vital importancia tanto para os socios académicos (para poderen establecer os requisitos de acceso aos cursos de refalado) como para os non académicos (que precisan decidir que profesionais contratan para levar a cabo este novo traballo).

Impacto noutros axentes interesados:
As universidades, as empresas, as asociacións de usuarios e as axencias reguladoras preguntáronse con frecuencia acerca da viabilidade do refalado interlingüístico e suxerían que era unha tarefa demasiado complexa. Os resultados obtidos neste IO mostran que o refalado interlingüístico é factible se se dan as condicións axeitadas e ofrecen datos relevantes para comprender cales son os principais desafíos, quen está mellor preparado, que medidas correctoras poden adoptarse cando os resultados non son satisfactorios, etc.

IO3: Definición do perfil e competencias do ILSer profesional



Impacto nas entidades socias:
Os resultados deste produto intelectual permítenlles ás entidades socias do proxecto coñecer con exactitude cales son as capacidades e competencias necesarias para levar a cabo o refalado interlingüístico, algo que resulta imprescindible para a creación de cursos tanto a nivel académico (UVigo, UAmberes, UViena e UVarsovia) e profesional (Intro PR e VRT). Estes resultados proporciónanlles ás entidades socias de ILSA información complementaria necesaria para decidir que tipo de profesionais precisan contratar e a quen pode formarse como refalador interlingüístico.

Impacto noutros axentes interesados:
Agora que, a partir do traballo realizado neste produto intelectual, se sabe que, a pesar da súa complexidade, o refalado interlingüístico é viable, os resultados permítenlles a gobernos, empresas, universidades e asociacións de usuarios ter unha idea exacta das capacidades e competencias que se precisan para ofrecer este servizo. Os resultados axudan a darlle visibilidade a este novo perfil profesional que ten o potencial para resultar esencial na busca de igualdade de oportunidades no que respecta á tradución e á accesibilidade.

IO4: Trazado do novo curso de ILSA



Impacto nas entidades socias:
Aínda que as entidades socias sabían cal era o estado actual canto á formación e práctica do refalado interlingüístico (IO1) e o perfil dos estudantes/profesionais que poden realizar este traballo (IOs 2 e 3), foi preciso deseñar un curso. Este é o resultado do IO. Os cursos de refalado interlingüístico que deseñará cada unha das entidades socias de ILSA partirán da estrutura presentada neste IO.

Impacto noutros axentes interesados:
Antes de que comezase a executarse o proxecto ILSA, non existía en todo o mundo un curso de refalado interlingüístico. Agora, calquera institución, asociación, etc. que queira formar estes novos profesionais ten a posibilidade de aproveitar a estrutura do curso presentada neste IO, que conta á súa vez co apoio tanto dos resultados obtidos nos IOs anteriores como da experiencia das diferentes entidades socias.

IO5: Desenvolvemento de Material Didáctico para o Novo Curso ILSA



Impacto nas entidades socias:
Sobre a base dos resultados dos produtos intelectuais anteriores, en especial o IO4, así como a ampla experiencia das entidades socias no tema obxecto de estudo, este IO permitiulles aos membros do proxecto traballar no desenvolvemento e na revisión de materiais didácticos para o novo curso de ILSA. Ademais, estes materiais xa tiveron un impacto na metodoloxía actual da formación en refalado. Por exemplo, grazas á súa estrutura modular, foron de grande utilidade na adaptación dos contidos que se imparten no Máster en Tradución Multimedia da Universidade de Vigo.

Impacto noutros axentes interesados:
Tendo en conta que o curso de ILSA é agora mesmo único no mundo, a consecución do IO5 deu como resultado que calquera institución interesada en formar ILSers teña á súa disposición unha colección de materiais que poden ser utilizados para tal fin, ben seguindo a estrutura do curso de ILSA (deseñada a partir dos resultados empíricos de IOs anteriores), ben simplemente empregando os materiais dispoñibles en liña de forma gratuíta na plataforma MOOC da Universidade de Vigo. Una mostra disto é o Máster en Tradución Audiovisual da Universidade Europea de Valencia, no que xa se están a empregar os materiais elaborados no IO5. Ademais, os ditos materiais tamén se están a usar para formar en subtitulado e refalado o equipo de Ai-Media en Canadá. Aí-Media é unha empresa líder no mundo na prestación de servizos de refalado de calidade.

 

                               

                                 

Universidade de Vigo Facultade de Filoloxía e Tradución | Despacho Newton 5 | Campus de Vigo As Lagoas | Ctra. de Marcosende | 36310 Vigo (España)
Back to top
Skip to content