Internet, os medios audiovisuais e a tecnoloxía dixital transforman o noso mundo. Con todo, o seu potencial non se converterá nunha realidade ata que sexan completamente accesibles e permitan a participación de todos os cidadáns na vida cotiá.
A tradución audiovisual e a accesibilidade aos medios de comunicación convertéronse en impulsores da inclusión e a integración social e, ultimamente, recibiron un recoñecemento total en publicacións e en proxectos financiados pola UE. No campo da subtitulación en directo para espectadores con perda auditiva, a técnica predilecta é o refalado, co que os subtituladores escoitan o son orixinal dun programa ou evento público e o repiten ou reformulan, de forma simultánea, a un software de recoñecemento de voz, que converte estas palabras en subtítulos intralingüísticos. Agora, xurdiu un novo desafío, pois os fluxos migratorios e o carácter multilingüístico e multicultural cada vez maior das sociedades de todo o mundo orixinaron unha crecente demanda de accesibilidade a contidos audiovisuais e eventos en directo realizados nun idioma estranxeiro.
Por iso, é fundamental atopar profesionais que poidan producir subtítulos interlingüísticos en directo (Interlingual Live Subtitles ou ILS) a través do refalado, unha nova disciplina que require destrezas de tradución, subtitulación e interpretación simultánea.
Así, ILSA adoptou unha visión máis ampla da accesibilidade, xa que a nova disposición de ILS beneficiará a un grupo meta máis amplo, non só a audiencias vulnerables (espectadores xordos ou con discapacidade auditiva, grupos con discapacidades físicas/mentais, persoas con necesidades especiais e dificultades de aprendizaxe), senón tamén a audiencias estranxeiras: migrantes, refuxiados e grupos marxinados en risco de exclusión poderán beneficiarse, especialmente, do potencial que ofrecen os subtítulos interlingüísticos para facilitar a súa integración na nova contorna cultural e, máis concretamente, na televisión, na aula e nas institucións políticas.
Intellectual Outputs
Partners

A vocación intercultural de ILSA, que foi oficialmente apoiada polas Nacións Unidas, só pode cumprirse a través da cooperación transnacional e un amplo alcance que inclúe variedade de idiomas (inglés, español, galego, holandés, alemán, polaco), situacións lingüísticas (países monolingües e bilingües) e tradicións de tradución audiovisual (dobraxe, subtitulación, voces superpostas).
A equilibrada combinación de socios académicos (Universidade de Vigo, Universidade de Viena, Universidade de Varsovia, Universidade de Amberes) e socios non académicos (VRT, INTRO PR) asegurará unha colaboración transectorial ascendente para a creación do novo perfil e do curso de formación, así como para a implementación de ILS na televisión e en contornas sociais e políticas. A nivel rexional, a colaboración entre a Universidade de Vigo, o grupo de investigación GTM da Universidade de Vigo, o Parlamento de Galicia e o canal público autonómico de televisión TVG deu lugar ao primeiro programa de recoñecemento de voz en Galicia, facendo posible a provisión de subtitulado en directo de programas de noticias vistos por ao redor de millón e medio de persoas ao día.